[Imaxe: SG] Martxelo Otamendi
[Imaxe: SG] Martxelo Otamendi

"A información bilingüe é un fracaso"

MARTXELO OTAMENDI, DIRECTOR DO DIARIO "BERRIA"

[Imaxe: SG] Martxelo Otamendi
[Imaxe: SG] Martxelo Otamendi

O xornalista Martxelo Otamendi (Tolosa, 1957) é o director do diario vasco Berria. Estivo á fronte de Egunkaria até que a Audiencia Nacional española decretou o feche do maior estandarte da cultura euskaldun en 2003. Conversamos con el sobre as orixes e o funcionamento de Berria e sobre xornalismo.

"A información bilingüe é un fracaso"
"A información bilingüe é un fracaso"

Berria nace en 2003, marcado polo feche de Egunkaria. Como son eses inicios?

 

En 2003, en febreiro (veñen de facerse 15 anos), a Audiencia Nacional española ordena o feche de Egunkaria, que era o único diario nacional en euskera e que nacera en 1990 por subscrición popular e co apoio de moitísima xente. De 1990 a 2003 funciona con total normalidade — eu son director desde 1993. Fechan o diario cunha acusación moi etérea sobre unha suposta implicación de ETA no diario; arrestan os directivos; acúsannos de delitos gravísimos como o de pertenza a grupo armado en grao de dirección; aplícannos os artigos especiais do Código Penal; estamos cinco días incomunicados; dos dez detidos, seis somos torturados (no meu caso, conseguimos que o Tribunal de Estrasburgo condenase España por non investigar con garantías as torturas); algúns saen do cárcere con 30.000 euros de fianza e Iñaki Uria, que era conselleiro delegado, quedou ano e medio na prisión. De alí aos sete anos, fomos absoltos porque non había absolutamente ningunha proba e a acusación non tiña sentido ningún. En cuestións vascas, é a sentenza máis dura que un tribunal da Audiencia Nacional dita sobre un procedemento instrutor da propia Audiencia Nacional. Dise que o feche do diario non ten ningunha cobertura constitucional, que a liña é legal e que non se comete ningún delito nas informacións do diario.

 

Egunkaria tiña unhas 70 páxinas ao día, 44.000 lectoras e lectores e unha calidade xornalística equiparábel á doutros rotativos de maior tirada. Que obxectivos houbo detrás do feche dun dos emblemas do xornalismo vasco?

 

Queríase criminalizar o mundo do euskera, sobre todo o apoio social ao euskera e, por outro lado, queríase enviar un aviso a navegantes porque daquela xa se deran os primeiros pasos do «Plan Ibarretxe» e termos como o dereito á autodeterminación estaban instalados no dicionario político vasco. Decidiron dar un susto para dicir, «paren vostedes, que estamos dispostos ao que sexa para que non sigan por esa vía» e atacaron unha das estruturas máis mimadas da cultura euskaldun, que nacera cun forte apoio popular en 1990 e que ninguén esperaba que fose obxecto de tal ataque. Querían meterlle medo á xente e saíulles mal.

 

Non sae as segundas feiras porque non traballamos os domingos e as vendas das segundas feiras non compensarían o aumento de gasto polo persoal que faría falta para publicar sete días á semana

 

Precisamente, o feche de Egunkaria provocou unha resposta social sen precedentes en Euskal Herria.

 

Aínda que en 1998 xa fecharan Egin, o índice de protesta da xente e de indignación foi maior no caso de Egunkaria. Dous días despois do feche de Egunkaria tivo lugar a maior manifestación da historia de Donostia, que ficou colapsada. O mesmo día que fechan Egunkaria créase un diario ponte, entre o 21 de febreiro de 2003 e o 20 de xuño de 2003. En xuño de 2003 nace Berria após unha campaña de achegas populares que nos deron 4.800.000 euros e 24.000 accionistas. É unha cantidade que só se explica pola indignación da xente, se non, era imposíbel que nos desen tanto diñeiro. Desta maneira, Berria ocupou o oco de Egunkaria (que nacera con pouco menos de un millón de euros), pero con máis xornalistas, máis seccións e unha campaña financeira moito máis forte. Arrancamos con moita forza. Despois colleunos a crise de 2007, aguantamos como puidemos e estes dous últimos anos levámolo bastante mellor xa, sen perdas. Como acontece co galego, os produtos en euskera teñen un mercado reducido, co cal, sempre digo que nós sempre estivemos en crise porque as vendas son limitadas.

 

Berria sae seis días á semana, de terza a domingo. Como se percibiu que non saíse os sete días?

 

Non sae as segundas feiras porque non traballamos os domingos e as vendas das segundas feiras non compensarían o aumento de gasto polo persoal que faría falta para publicar sete días á semana. Con seis días arranxamos ben e todas e todos os xornalistas libran o domingo e dous sábados de cada tres. Con ese esquema rotativo vainos ben. Na época en que nós saímos, había diarios franceses que o facían. É algo moi típico na prensa francesa. O lectorado afíxose a iso, porque a xente sabe que os elefantes non voan e que os produtos en linguas minorizadas teñen un mercado limitado e unha capacidade financeira limitada. A xente sabe que en caso de saírmos os sete días as contas serían negativas e mesmo podería poñerse en perigo a existencia do diario.

 

Hai futuro se seducimos a xente e se lle explicamos que unha parte importante da información e da credibilidade dos medios segue estando no papel

 

Como conviven o diario dixital e o diario en papel en Berria?

 

Temos unha redacción multimedia. Aparte do equipo técnico, para a web temos tres xornalistas que se encargan de coordinar a edición continua do diario e tamén temos unha porcentaxe alta da redacción que fai un resumo, duns 500 caracteres, do acto ou entrevista que foi cubrir e que despois desenvolverá no papel. No papel está o noso negocio: as subscricións (un 75% das vendas son subscricións a domicilio) están no papel, ao igual que a venda en quiosques (que é máis residual de comparármonos con outros medios) e a publicidade. Porén, somos moi vangardistas na web e non a descoidamos por termos un coidado especial no papel.

Aínda que o dixital é gratuíto (poñermos unha parede na web sería prexudicarmos a expansión e o uso do euskera), estes últimos anos lanzamos o concepto de Berria lagun (amigo de Berria), que está orientado a aquela xente que non é subscritora. Non pedimos máis cartos a quen xa é subscritor do diario e que xa está pagando ao redor de 400 euros ao ano, senón que incidimos na xente que utiliza a web na tablet, no computador ou no smartphone. Temos agora 7.000 persoas que todos os meses nos pagan 10 euros para que sigamos traballando no periódico. Nun orzamento de case 7 millóns, esa achega representa o 10%. Por outro lado, as axudas públicas, pola promoción do euskera, representan o 16% do noso orzamento.

 

Unha das fortalezas de Berria son as edicións locais.

 

Berria non ten edicións locais en si mesmas, a empresa que edita Berria participa con socios locais en cinco diarios locais, dos cales tres son os máis lidos da zona, mesmo se len máis que os grandes diarios provinciais. Falamos de diarios locais independentes que teñen o seu mercado e venden moito. Eu vivo na zona de Tolosa e aí publícase un diario local, Ataria, que ten ao redor de 2.000 subscritores e é o diario que máis entra nesa zona. Se es subscritor de Berria (nos quiosques non), recibes dentro do diario esa edición local de oito páxinas. Son sinerxias entre o noso diario, que é un 100% noso, e eses diarios locais, cos que temos moi boa relación e dos que participamos no Consello de Administración cunha representación aproximada do 30%, mais son independentes. Desta maneira nós non traballamos edición local, porque para un diario nacional unha edición local é un suicidio.

 

Que tipo de xornalismo defende Berria?

 

Facemos xornalismo nacional vasco, é dicir, para nós os referentes son a nación vasca e a realidade vasca, mais somos moi abertos ao mundo. Moitos días a noticia principal é O Iraq, O Irán, o que acontece co pobo curdo… E enviamos delegados a Córsega, a Irlanda do Norte, a Colombia, aos Xogos Olímpicos… os xornalistas andan moito por aí. Nós facemos información vasca e información mundial, co cal, a información española ten que competir coa chinesa, coa polaca ou coa francesa. Temos unha sensibilidade especial cara a Catalunya, Galiza e As Canarias e tamén un coidado especial con Bretaña, Escocia ou Gales, coas nacións sen Estado europeas.

 

A experiencia de Egin, de Gara ou de Deia dinos que as informacións importantes van en castelán

 

Que lles di a quen a día de hoxe afirman que é insustentábel manter o papel?

 

Hai futuro se seducimos a xente e se lle explicamos que unha parte importante da información e da credibilidade dos medios segue estando no papel. De todos modos, a oferta, en 2018, non pode estar só no papel, senón tamén en internet, sobre todo pola xente nova, pois aquí nin o estudantado de Xornalismo compra os xornais en papel. Eu creo que se á xente se lle garante unha boa versión en papel e unha boa e rápida versión en internet, entenderase, porque a credibilidade das informacións segue estando, sobre todo, no papel. De feito, as revistas de prensa seguen a facerse cos diarios en papel. Por outro lado, sobre todo no caso das linguas minorizadas, como o euskera e o galego, é importante que mentres sigan existindo diarios en papel en castelán —e no noso caso en castelán e francés— haxa diarios en euskera e en galego. Iso dálle seriedade, normalidade e credibilidade á lingua.

 

Sobre todo se é integramente en euskera, como no caso de Berria. Pois aí tamén sae Gara, que usa euskera pero nunha porcentaxe moi reducida.

 

Nós somos 100% en euskera, en papel e na web, porque a información bilingüe é un fracaso. O castelán sempre gaña ao euskera. A experiencia de Egin, de Gara ou de Deia dinos que as informacións importantes van en castelán. Ao final, a entrevista importante sempre vai en castelán. Cando ti pos á par euskera e castelán nunha publicación, gaña sempre o castelán e iso xa o sabiamos cando en 1990 naceu Egunkaria.

 

Agora o sistema educativo vasco conseguiu que as crianzas saiban euskera aínda que procedan de familias africanas, árabes, españolas

 

Con que dificultades se atopan en Berria?

 

A principal é o escaso número de vascofalantes. Somos 3 millóns de habitantes, contando a parte norte e sur, España e Francia, e o 30% din saber euskera. Fainos falta unha masa de lectores acreditados para ler en euskera e que as novas xeracións que se incorporan ao euskera se incorporen tamén ao consumo do euskera.

Agora o sistema educativo vasco conseguiu que as crianzas saiban euskera aínda que procedan de familias africanas, árabes, españolas… onde eu vivo, ti matriculas unha nena con tres anos e non hai opción de elixir, ti matricúlala en inmersión en vasco. Aquí hai tres liñas lingüísticas: temos a liña A (todo en castelán agás o euskera); a B (un sistema mixto de ciencias en castelán e letras en euskera, que se reforza como lingua habitual no ambiente escolar) e o D [o C non existe] (é o contrario ao A, todo en euskera, agás o castelán). O modelo A e o B nas novas matrículas en Gipuzkoa xa non se ofertan, e en partes de Nafarroa e de Bizkaia tampouco. Aumenta de maneira rápida o coñecemento íntegro do euskera, mais non está aumentando na mesma proporción o consumo de produtos en euskera. Aí está o problema.

 

Que retos se marca Berria para o futuro?

 

Seguir adaptándonos aos novos tempos, ter unha capacidade máis áxil á hora de adaptarnos aos cambios do mercado, seguir facendo un medio en euskera, que seduza a lectora e o lector, e traballar en conxunto para que aumente máis o consumo de produtos en euskera.

 

Como se atopa o panorama mediático vasco?

 

Hai unha realidade bastante dura. Os maiores datos de audiencia de Telecinco están no País Vasco, algo que chama a atención. A televisión pública está bastante frouxa de audiencia. En canto aos xornais de mentalidade local e española, Guipuzkoa domínaa El Diario Vasco (non hai diario en Europa que teña un índice de penetración no seu mercado como El Diario Vasco); Nafarroa, o Diario de Navarra e Bizkaia, El Correo. Tocounos pelexar cos que maior índice de vendas teñen no seu mercado.

 

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]