"Singularidade", de Alicia Martín, no exterior da Cidade da Cultura.
"Singularidade", de Alicia Martín, no exterior da Cidade da Cultura.

Un sistema mediático en mudanza

XORNALISMO

"Singularidade", de Alicia Martín, no exterior da Cidade da Cultura.
"Singularidade", de Alicia Martín, no exterior da Cidade da Cultura.

Os datos da evolución do ecosistema comunicativo nos últimos dez anos apuntan que sopran ventos que poden abrir espazos para unha reestruturación e cambio no sector das industrias culturais na Galiza, que leva máis de vinte anos nun proceso de renovación continua.

Un sistema mediático en mudanza
Un sistema mediático en mudanza

O tránsito ao escenario dixital, que se levou adiante baixo a sombra da ruptura dos modelos de negocio tradicionais, frustrou previsións e provocou cambios de plans. Por máis cautelas que adoptaron as empresas editoras, a crise económica dos últimos dez anos forzou mudanzas nos rumbos de todos os actores dun modelo, o de medios, que sempre deixou evidencias da ausencia de pezas básicas para conformar un sistema plural, diverso e capaz de atender, dun xeito amplo e dinámico, as principais sensibilidades sociais, políticas e económicas do país. De feito, non existe prensa diaria en papel en galego. Son cousas propias dos modelos inacabados ou necesitados de melloras substanciais, moi habituais nos espazos sociais.

 

Cando a denominada automatización intelixente chama á porta, cunha proposta que anuncia cambios radicais no escenario comunicativo, e a ubicuidade das mensaxes caracteriza o escenario do entorno, o mapa de medios do noso país é debedor das dimensións que conforman un modelo, o pluralista polarizado, que prevalece nos países do sur de Europa e que ten fondas raíces na Península Ibérica — tanto nos estados como nas nación sen estado. Como estudaron Daniel Hallin e Paolo Mancini, os diarios, vellos e importantes actores dese mapa comunicativo, enxergan estratexias para dirixirse a un grupo, principalmente «da elite urbana, culta e politicamente activa», ao tempo que dan preferencia a uns contidos politizados para intervir nun proceso máis ou menos horizontal de debate e negociación entre capas desa elite. As características e condicionantes de cada país (marcos normativos, entramado social…) matizan este esquema básico, con resultados variados e mesmo contraditorios.

 

Sopran ventos que poden abrir espazos para un cambio nas industrias culturais

 

O conxunto de actores do ecosistema, cos diarios nun papel central, busca espazos e procura o maior protagonismo posible, tanto no relativo á intervención social e á influencia como ás cotas de negocio. De feito, así foi no último terzo do século XX, cun conxunto de empresas que introduciron renovación tecnolóxica e cambios na estratexia informativa (con máis ou menos atención ao próximo), algunha renovada iniciativa que buscaba aproveitar espazos do mercado publicitario, e alternativas ao modelo dominante. O principal revulsivo, nese proxecto de desenvolvemento, chegou da man da creación dos medios públicos da Comunidade Autónoma. Fixouse así un novo eixo básico para a información na lingua propia e para abrir novas ventás desde o servizo público.

 

Mentres se asentaba o renovado mapa, algúns grupos de fóra aseguraban a súa presenza — caso de Prensa Ibérica na prensa, un ano despois de comezar as emisións a TVG —, producíanse pequenos movementos na radio (concesión de frecuencias) e na televisión, a principal corporación mediática, La Voz, emprendía proxectos no exterior, con Madrid como centro de proxección — en 1998 mercou Diario 16. Pero o paso do tempo mostrou as limitacións destas iniciativas e provocou un repregue deses actores que chega á actualidade.

 

Cando parecía que había un modelo estable de medios privados e públicos, con pouca presenza de grupos de fóra de Galiza, a popularización da web e o espazo comunicativo construído arredor de internet puxeron a semente dunha mundialización que pouco a pouco cortaba raíces do vello modelo. Apareceu o barrio galego de internet, houbo pequenas mudanzas no mapa da propiedade e agromaron vellas formas para xestionar un novo espazo, no que os actores tradicionais puideron manter a súa posición dominante, sen que as novas iniciativas conseguisen pasar da categoría de meritorios proxectos con escasa incidencia social.

 

Herdanzas pesadas

 

As herdanzas sempre son pesadas, para o positivo e o negativo, tanto as estruturais e económicas como as simbólicas. De aí a importancia de entender o modelo construído desde 1800, cando apareceu a primeira publicación periódica na Galiza, até o final do século XX. Tratouse dunha estrutura artellada desde os sectores dominantes e influíntes do país, preocupados polo próximo, onde estaba a súa razón de ser e o seu negocio, pero sen aprecio suficiente pola identidade, a lingua propia e o constructo impulsado polo Rexurdimento e creado historicamente polo galeguismo e o nacionalismo.

 

O entramado industrial creado da man da comunicación mediada tecnoloxicamente conformou un grupo de empresas, maioritariamente familiares, que deseñaron produtos capaces de liderar os mercados urbanos das principais cidades, con repartos de espazos e cunha loita pola conquista da implantación no conxunto do país, obxectivo que finalmente acadou La Voz de Galicia, aínda que con moita máis presenza no norte que no sur. A fin da ditadura e a chegada da autonomía sentou renovadas bases para a industria da comunicación, que se posicionou desde o primeiro momento a favor das institucións autonómicas, incorporou algúns elementos identitarios e estableceu unha estratexia propia para a introdución de produtos xornalísticos nos mercados locais. Axudas institucionais non reguladas e publicidade local impulsaron proxectos que viviron décadas de expansión e crecemento no mercado, o que paliou algunhas das limitacións empresariais relativas á capitalización e aos plans estratéxicos.

 

Os medios tradicionais seguen liderando os usos e consumos informativos

 

Este grupo estrutúrase arredor dunha oferta de medios impresos, que lidera La Voz de Galicia (o principal grupo e o que máis diversificou na rede, na radio e no audiovisual, aínda que acaba de pechar a canle autonómica privada de TDT V Televisión) e do que forman parte El Progreso (con medios impresos diarios en Lugo e Pontevedra, cunha axencia de noticias e con iniciativas audiovisuais, aínda que pechou a canle de televisión local Telelugo); La Región, en Ourense (con medios impresos e audiovisuais); El Correo Gallego, en Santiago e La Capital (El Ideal Gallego), en A Coruña, e o deportivo Deporte Campeón (DxT), así como cabeceiras locais — Diario de Ferrol — e comarcais — Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. O grupo Prensa Ibérica, de ámbito estatal, conta no país con Faro de Vigo, o xornal decano do Estado e o segundo en difusión na Galiza) e con La Opinión A Coruña. Nas publicacións periódicas, neste caso maioritariamente en lingua galega, contamos cun sector estruturado arredor de Sermos Galiza (semanal), Tempos Novos (mensual), Luzes (mensual); ECO (mensual), Grial (trimestral), xunto con outra longa lista de publicacións de distinta periodicidade, tanto de ámbito comarcal (desde as históricas — Heraldo de Vivero, La Comarca del Eo ou La Voz de Ortigueira — até iniciativas en galego como TeoVivo).

 

O sector audiovisual xira arredor da radio e a televisión. A radio ten un eixo público, coa Radio Galega á fronte e as emisoras municipais, a práctica totalidade agrupadas arredor de EMUGA, e outro eixo privado, no que comparten protagonismo grupos de ámbito estatal (maioritarios), como SER, COPE ou Onda Cero, coas familias propietarias de emisoras — locais ou comarcais — asociadas a algunha destas cadeas. Tamén a televisión dispón dun gran motor público, Televisión de Galicia, para o que traballa a gran maioría das produtoras audiovisuais — un grupo importante, onde conviven as iniciativas dos principais grupos de comunicación con proxectos grupais ou unipersoais de carácter privado — e o centro de RTVE na Galiza. No ámbito privado, o principal actor na produción e emisión desde Galiza — á marxe do sistema polo que emiten — corresponde a pequenas iniciativas, ben comarcais (Canal Rías Baixas, Televinte…), ou de ámbito galego (Nós televisión…) xa que as grandes cadeas, aínda tendo delegacións nalgún caso, só producen para as súas emisións estatais.

 

O sector dos medios vive na Galiza intensos cambios na busca de non perder posicións e de gañar espazos

 

As iniciativas no campo dos cibermedios estrutúranse arredor dos medios matriciais — os principais medios impresos e audiovisuais que emiten na rede, desde lavozdegalicia.es, sermosgaliza.gal, luzes.gal ou ecodixital.com — e os nativos dixitais (nacidos e pensados para a rede, sen contar con difusión noutro soporte), que inclúen desde iniciativas de institucións públicas (como Cultura Galega — culturagalega.gal — até iniciativas privadas (como galiciaconfidencial.com, praza.gal, pontevedraviva.com, galiciadigital.com… Neste momento, unha lista de iniciativas, moitas de información local, conforman este mapa de medios na rede de carácter local e hiperlocal.

 

En definitiva, o conxunto do ecosistema de medios galegos está integrado por unha longa lista de cabeceiras, onde os medios tradicionais seguen liderando os usos e consumos informativos (nos medios convencionais e na rede) e onde hai unha efervescencia de iniciativas, algunhas hiperlocais, que mostran a viveza deste campo de actuación social, político e económico. Sen dúbida, unha estrutura complexa, sen diarios en papel en galego, onde hai constantes movementos e disputas por tentar ocupar espazos e buscar novos territorios.

 

Dez dimensións dun estado

 

No tramo final da segunda década do terceiro milenio, o estado dos medios galegos, a partir das herdanzas recibidas, caracterízase polo cambio continuo na busca da superación dos desafíos do día a día no que, a modo de decálogo, apuntarei dez dimensións que corresponden con outras tantas características que definen trazos dunha radiografía actual. Cada dimensión non representa outra cousa que a sombra dunha tendencia ou un indicador referencial. Nestas dimensións reflíctense fortalezas e debilidades do modelo pluralista polarizado e inacabado que caracteriza o mapa de medios de Galiza.

 

A primeira dimensión refírese á existencia dun conxunto de empresas familiares medianas e pequenas, con modelos económicos moi axustados e con capitalización limitada. Nestes anos mostraron capacidade para sobrevivir e idearon camiños para evitar vendas a grupos de fóra. A segunda ten que ver cunha liña editorial maioritaria de centro-dereita, capaz de posicionarse diante dos pequenos cambios do mapa político dominante. A terceira refírese a unha tendencia á dependencia do poder próximo — autonómico e local —, no marco dun escenario moi desregulado no relativo á concesión de axudas públicas.

 

Os síntomas de precariedade no sector aumentaron nos últimos anos

 

Unha cuarta dimensión é o bo coñecemento dos entornos próximos, que coidan informativamente e no que aplican estratexias de defensa e anticipación para evitar competencias non desexadas. A quinta fai referencia a como, aínda facendo fortes investimentos en procesos de reconversión industrial e modernizando as súas instalacións, encontraron bastantes dificultades para diversificar e conquistar espazos nun escenario no que cada vez o soporte se dilúe máis nun panorama converxente para unha sociedade máis líquida ou con fronteiras máis borrosas. A capacidade de apropiación da innovación tecnolóxica na produción mostra índices similares a outros ámbitos no Estado, segundo os estudos comparados. A sexta ten que ver coa constante adaptación aos entornos cambiantes, sen unha coidada planificación estratéxica que permita anticiparse ás tendencias novas, cuestión sempre complexa pero que necesitan afrontar os actores mediáticos que tratan de estar no futuro inmediato.

 

A sétima dimensión ou síntoma refírese á capacidade para incorporar bo capital xornalístico, que sempre formou parte das redaccións dos principais medios, aínda que non sempre foi xestionado adecuadamente. Os síntomas de precariedade no sector aumentaron nos últimos anos, segundo os estudos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A oitava vén determinada polos reparos ou medos para afrontar con formulacións máis ambiciosas no relativo á identidade galega e a todo o que implica informar nunha nación-cultura de base etnocultural, expresada en diferentes manifestacións, en expresión de Ramón Villares. Os medios usan o castelán como lingua de facto desde sempre, como xa apuntaron en 2008 Lorenzo, Ramallo e Casares Berg no estudo sobre lingua, sociedade e medios na Galiza, do Consello da Cultura Galega. Logo de altos e baixos — aparición e desaparición dun diario en galego, o que deixou este espazo orfo —, en 2018 a Asociación de Medios en Galego abriu a vía simbólica do Día dos medios en galego, unha porta á esperanza.

 

A novena fala de certas ataduras para incorporar voces de novas sensibilidades sociais nos espazos para a opinión e o debate. Aínda que algúns medios mostran capacidade para poñer na súa axenda debates cruciais para o país, tamén evidencian limitacións para integrar a todos os sectores neses debates.

 

E a décima agrúpase arredor das limitacións estruturais e conceptuais que evidencia o sector nestes últimos anos para mudar radicalmente o rumbo na busca dun posicionamento distinto na sociedade rede. A maior evidencia áchase na ausencia de laboratorios de innovación.

 

Arredor destes dez síntomas entendo que xira o debuxo da radiografía do mapa de medios galegos. Advírtese pouco aire novo no sector, mesmo por parte dos novos actores que entraron nos últimos anos, aínda que algún destes si contribuíron a aumentar a pluralidade de visións e liñas editoriais.

 

Diante de novos desafíos

 

O sector dos medios de comunicación na Galiza vive intensos cambios na busca de non perder posicións e tentar gañar espazos no escenario da chamada automatización intelixente. Aínda que os actores apenas cambiaron nas últimas décadas e que as principais empresas afrontan procesos de reorganización, hai ventos de cambio e condicións para mudanzas.

 

Á marxe de que nos guste máis ou menos, o mapa de medios ofrece un panorama claro dunha variante do modelo coñecido como pluralismo polarizado, pero inacabado ou con desafíos pendentes. Se ben a estrutura conformada nos últimos anos, coa que entramos no terceiro milenio, reflicte un conxunto de empresas, a maioría aínda familiares e con larga tradición no sector, e mantén boas relacións cos sectores dominantes — autonómicos e locais —, non é menos certo que os cambios introducidos pola rede abriron novos espazos e desafíos, alimentados polas mudanzas nos espazos sociais, políticos e económicos.

 

A crise económica, as limitacións estruturais de moitos medios e os constantes cambios no ecosistema conducen os actuais actores a unha encrucillada de difícil saída. Mentres afrontan estes desafíos os actores tradicionais, pode haber, ao igual que noutras etapas históricas, un período de oportunidades para novos actores que, facendo unha lectura acertada do escenario de cambio, sexan capaces de poñer en marcha medios nacidos e pensados para unha sociedade rede multicanle.

 

O que non está escrito é como mudará o mapa, xa que depende da estratexia dos actuais actores e da capacidade dos sectores sociais, políticos e económicos para articular alternativas mediáticas viables que conquisten novos públicos — desencantados cos medios dominantes e novas xeracións de lectores e audiencias activas. Aí está o principal desafío.

 

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]