Imprimir

Sermos O Diario Galego

O Noso Diario | 26 de Xaneiro de 2018

Presentación
Presentación

 

Sermos O Diario Galego defenderá os intereses galegos e estará escrito na lingua propia de Galiza. Será un medio de comunicación nacional, profesional e colaborativo que proporcionará información xeral.

 

Sermos O Diario Galego aspira a formular temas que se botan en falta na axenda mediática do país, como poden ser traballo, cultura, ecoloxía, feminismos, lingua, diáspora, economía, memoria, historia, dereitos e liberdades civís.

Caracterizarase por manter unha mirada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega e por contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.

Sermos O Diario Galego propiciará o diálogo entre xeracións dirixíndose a un público cun pensamento e comportamento aberto, actual e implicado pero que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Falará de canto lles afecta e preocupa, ou mellor, facilitará que se expresen libremente esas galegas e galegos que procuran un cambio de seu para Galiza.  

Sermos O Diario Galego terá unha distribución das novas arredor de catro módulos de información (país, mundo, cultura e axenda), evitando así as seccións pechadas dos medios tradicionais. Proponse elaborar os contidos dun modo anovador neste momento: transmitindo información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas, co cal tratará de rachar co nesgo interesado que xeralmente lle imprimen ás novas moitos mediadores e axentes institucionais ou empresariais.  

Sermos O Diario Galego distinguirá entre opinión e información, apostará porque o lector tire as súas propias conclusións, ofrecéndolle información verificada, contrastada e afastada da posverdade. Ofrecerá a interacción e o diálogo, un espazo de comunicación aberto a todo o pobo e tratando todos cantos asuntos repercutan sobre o benestar económico, social e cultural da xente de Galiza. Somos moi conscientes de que Sermos O Diario Galego parte coas limitacións propias de quen comeza sen apoios de ningunha empresa de referencia ou grupo de presión, mais tamén coa convicción de que se lograrmos que as mulleres e os homes da nosa Terra se identifiquen con el non aforrarán esforzos para que mellore e medre. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/paxinas/o-diario-galego/20180126165040000636.html


© 2018 Sermos O Diario Galego

 

www.sermosodiariogalego.gal