Imprimir

Quen paga, manda

M. Vilas | 15 de Novembro de 2018

[Imaxe: Cheles de Orencio] Alberto Núñez Feixoo e Santiago Rey Fernández-Latorre
[Imaxe: Cheles de Orencio] Alberto Núñez Feixoo e Santiago Rey Fernández-Latorre

Os empresarios dos medios de comunicación recibiron máis de 20,3 millóns de euros da Xunta de Galiza en 2017. O 90% deste diñeiro repartiuse á marxe das convocatorias de subvencións do Diario Oficial da Galiza (DOG) mediante dúas vías — convenios de colaboración e contratación de publicidade — que permiten distribuír legalmente o diñeiro público de maneira discrecional, sen publicidade nin concorrencia.

O volume repartido en 2017 non é algo excepcional. Os anos anteriores os grandes medios apañaron outro tanto. Consultando as fontes documentais públicas (DOG, Rexistro de Convenios e Plataforma de Contratos Públicos de Galiza) pode comprobarse que neste 2018 van camiño de lograr igual ou máis.

 

Son moitos 20 millóns ao ano dentro dun orzamento superior aos 9.000 millóns? A Xunta non gasta tanto no transporte escolar dalgunhas provincias nin, por exemplo, en impulsar a investigación universitaria.

 

Proporcionalmente ao seu tamaño, ningún outro sector económico recibe tanto diñeiro do Goberno galego ano tras ano como os xornais en papel.

 

Ininterrompidamente desde tempos do fraguismo, o Executivo usa cartos de todas e todos para influír nas liñas editoriais. Ininterrompidamente, porque este é un xogo que tamén practicaron os dous socios do bipartito, PSdeG e BNG, cando tiveron ocasión.

 

O 90% das axudas da Xunta aos medios repartiuse á marxe das convocatorias de subvencións do DOG

 

En realidade, untar os medios de comunicacións afíns é algo que fan case todas as forzas con poder en Galiza, tamén desde concellos e deputacións. Moi poucas administracións, e moi poucos medios, poden presumir de estaren libres de pecado. O Concello de Ames foi pioneiro en 2017 ao regular un sistema de reparto da publicidade institucional de acordo a criterios obxectivos. O Concello da Coruña anunciou ao comezo da lexislatura algo similar, pero aínda non o concretou. Con todo, o volume de diñeiro que reparte todos os anos Alberto Nuñez Feixóo, e polo tanto o poder que ten sobre a prensa, non ten parangón. Por iso é o centro desta análise.

 

Tres vías

 

A Xunta distribúe os cartos mediante tres vías: convenios de colaboración, publicidade institucional e subvencións convocadas no DOG. Delas, as dúas primeiras (convenios e publicidade) están deseñadas para repartir millóns sen transparencia, e moitas veces a dedo.

 

taboa 3

 

 

 

A Lei 9/2007 de Subvencións de Galiza prohibe á Administración dar axudas sen regras e convocatorias públicas. Agora ben, tirando de convenios, as consellarías poden esquivar estes requisitos. Os mandatarios aproveitan esta vía legal, pensada orixinalmente para chegar a acordos con outras administracións e financiar iniciativas que non teñan ánimo de lucro. De feito, a maioría dos convenios asínanse con ONG de persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión, etc.

 

Como logra a Xunta colar os medios, empresas con ánimo de lucro, nesta vía? O truco está en enmascarar os motivos do convenio nunha causa social e soster que os cartos da Administración van unicamente a cubrir os custos de implantación desa política. Por poñer un exemplo, a prevención contra os incendios ou o fomento da lectura de xornais nas aulas.

 

Calquera persoa pode indagar estes detalles grazas a unha reforma legal implantada polo bipartito. Se ben é certo que a coalición continuou usando recursos públicos para tratar de gañarse o apoio dos editores, tamén é certo que impulsou unha Lei de Transparencia que obriga a publicar estes acordos. Os documentos pódense consultar no Rexistro de Convenios, aínda que con meses de atraso. Ademais, a web sufriu paradas, meses en que non publicou nada. A Xunta alegou daquela problemas técnicos.

 

A Xunta non emprega os convenios para subvencionar esta ou aquela iniciativa concreta dun determinado xornal. Cando unha consellaría asina un convenio cun medio, o máis frecuente é que tamén asine co resto de periódicos. As cantidades que reciben poden ser diferentes — en teoría proporcionais a súa difusión — pero a todos os diarios en papel cáelles algunha tallada.

 

A quen convida?

 

A Xunta invita a estas «roldas de convenios», sobre todo, os diarios en papel — ningún deles crítico con Feixóo — e só puntualmente a algunhas emisoras de radio. Non hai «roldas de convenios» para os diarios dixitais, malia teren en moitas ocasións máis audiencia que os seus competidores impresos. Tampouco para semanarios como Sermos Galiza nin para revistas como Tempos Novos ou Luzes. Nestas categorías de medios si hai numerosas cabeceiras con liñas editoriais críticas co PP.

TABOA 2

 

En 2017 a Xunta asinou 56 convenios coa prensa por valor de 1,91 millóns, que repartiu subxectivamente. Así, o Grupo Voz acapara máis da metade do diñeiro repartido deste xeito. Algo que non se corresponde co seu peso en audiencia. Segundo o Estudio Xeral de Medios (última ondada de 2016), La Voz de Galicia acumula o 32% das lectoras e lectores de prensa diaria, pero apaña o 51% do diñeiro dos convenios, máis de 977.000 euros.

 

O conglomerado de Santiago Rey Fernández Latorre recibe exclusivamente certo tipo de convenios, que os demais nin cheiran. Por exemplo, 27.000 euros da Consellaría de Educación polo programa «Naturación», que leva seis anos programando educación ambiental nos colexios. A fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao cofinánciao. Alcoa San Cibrao é precisamente unha das industrias máis contaminantes de Galiza, cunha ducia condenas xudiciais por contaminar a súa contorna. Unha cuestión a debater é se recibindo cartos dunha industria contaminante e da administración que a supervisa, un xornal pode informar libremente do impacto desa fábrica. Outra cuestión é se a educación ambiental que reciben cada ano miles de nenas e nenos da Mariña é obxectiva.

 

Logo están as «roldas de convenios» que benefician todas as cabeceiras en papel empregando os mesmos motivos ano tras ano. Por exemplo, Medio Rural dá todos os exercicios diñeiro aos xornais «para a realización de accións divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galiza». Claro que nesta rolda non lles cae o mesmo a todos. Para La Voz hai case 150.000 euros e, por exemplo, para o seu competidor coruñés La Opinión de A Coruña, 8.000 euros.

 

Outras veces o motivo do convenio evidencia a necesidade do Goberno de influír na opinión pública. Por exemplo, Medio Rural pagou 25.000 euros a La Voz para «a divulgación das políticas da Consellaría na prevención de incendios». O Executivo logra así financiar a información do xornal sobre unha das problemáticas, a dos lumes forestais, nas que precisamente está máis en cuestión o labor do Executivo.

 

Velaquí outro exemplo do uso destes acordos para satisfacer as necesidades políticas do PP. Desde 2016, La Voz e El Correo Gallego reciben da Xunta máis de 100.000 euros para a «difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela nos medios de comunicación».

 

La Voz ten o 31% das lectoras e lectores en papel e recibe o 51% dos convenios

 

En verdade necesitan as compostelás e composteláns que a prensa os informe de que son capital de Galiza e do que iso implica? Á Xunta parécelle que si. «O obxectivo final é que os santiagueses teñan unha imaxe clara do que Santiago de Compostela representa no presente e as súas posibilidades no futuro como capital da Comunidade», reza o acordo. No ano 2015 o PP perdía o goberno de Santiago e a billa dos cartos discrecionais que fluía desde o municipio fechábase. Ao ano seguinte, abríase unha billa diferente desde os despachos da Secretaría Xeral de Medios.

 

La Voz comprométese neste acordo a cambio de 125.000 euros a, entre outras cousas, publicar «catro reportaxes de dúas páxinas cada unha sobre os aspectos informativos relacionados no obxecto deste convenio». O goberno non pode determinar o «contido concreto da información» pero esta debe xirar ao redor da «imaxe de Santiago de Compostela nos distintos ámbitos de actuación da Xunta de Galicia» difundindo unha visión «moderna e de futuro».

 

Programación centralizada

 

Todas as consellarías dan convenios seguindo unha programación centralizada. Aínda que cada conselleiro ten autoridade para asinar convenios con quen queira, quen supervisa é a Secretaría Xeral de Medios, que depende da Presidencia.

 

Na era Fraga ou no bipartito os medios podían chamar a diferentes portas en San Caetano coa esperanza de chuchar de varias tetas públicas. Fronte as taifas fraguianas, na era Feixóo todo está máis centralizado. Só hai unha porta á que merece a pena chamar. É a do despacho de Mar Sánchez Sierra, a secretaria xeral de Medios, responsábel de prensa e man dereita e do presidente desde que retornou a Galiza.

 

Así, o reparto da maioría das campañas de publicidade tamén está centralizado en Presidencia. A través destas insercións de anuncios distribúese o maior anaco da torta: 16,8 millóns o ano pasado. A maioría a través de acordos marco, coa supervisión da citada Secretaría.

 

Quen leva eses 16.800.000 euros en publicidade? Imposíbel sabelo en detalle, malia ser diñeiro público. Unha vez que unha axencia de publicidade gaña o concurso para facer determinada campaña dentro dun acordo marco ten, en teoría, marxe para maximizar o impacto do investimento negociando cos medios. Os pregos de condicións da Xunta non obrigan a meter máis anuncios en tal cabeceira, menos noutra e excluír aqueloutra. Uns poucos, iso si, limitan as insercións de anuncios aos xornais en papel máis lidos de cada provincia, que é un xeito de investir só en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso de Lugo e La Región de Ourense.

 

Con todo, os anuncios van sempre para os mesmos. As axencias fan os plans de medios para satisfacer o gusto da Xunta. Por exemplo, as últimas campañas polo 25 de Xullo e o 17 de Maio gañáronas diferentes axencias, pero os medios dixitais en galego — con liñas editoriais críticas — reciben a mesma miseria todos os anos. Cantidades ridículas, sobre os 500 euros en dúas campañas ao ano aproximadamente. É dicir, o resto das faragullas que caen ao lado do caldeiro do lixo; pero dabondo para que ninguén poida acusar o Goberno de vetar por completo a determinada cabeceira.

 

taboa 1

Na publicidade, malia non podermos facer unha análise en detalle dos destinatarios como nos convenios, resulta evidente lendo a prensa que a maioría do investimento público vai para os xornais en papel. Do mesmo xeito que cos convenios, xornais dixitais como sermosgaliza.gal ou praza.gal, semanarios como Sermos Galiza e as revistas en galego non ven case nin un peso.

 

Non ven case un peso tampouco as revistas galegas e en galego como Luzes ou Tempos Novos. Revistas e suplementos de ámbito estatal ven máis. Porque na centralización da publicidade da Secretaría de Medios hai unha lixeira excepción, a Axencia de Turismo de Galiza. Axencia que, en todo caso, organicamente tamén depende, igual que Medios, de Feixóo. A promiscuidade publicitaria de Turismo emprégase en boa parte para montar campañas en medios fóra do país. Como se pode ver na táboa que acompaña esta análise, en 2017 Turgalicia comprou espazos en ABC, El País, El Mundo e os seus suplementos. Algo que favorece as aspiracións de Feixóo de dar o salto a Madrid e que explica, en parte, o interese da prensa da capital de España pola súa figura.

 

A terceira vía pola que a Xunta financia algúns medios son as subvencións convocadas no DOG. É o método máis transparente e, até certo punto, obxectivo. Hai unhas convocatorias ás que todo o mundo pode concorrer e, de acordo aos criterios públicos e preestabelecidos, o Executivo reparte o previamente o orzado.

 

Das dúas convocatorias vía DOG, a que reparte máis diñeiro é a destinada a empresas xornalísticas e radiodifusión. Por esta vía os medios recibiron 1,6 millóns en 2017; liderados por La Voz de Galicia, con máis de 677.000 euros. Aos medios en galego non chegan case nin as faragullas. Por exemplo, Sermos Galiza, o de máis difusión na lingua propia, recibiu unha resolución de 918 euros (ver táboas anexas).

 

Os trucos

 

Que as axudas vía DOG sexan máis obxectivas non significa que non teñan truco. Como se aprecia a simple vista, os máis beneficiados son de novo os editores de xornais en papel e en español, aliados do PP a nivel galego, aínda que puntualmente se poidan arrimar a alcaldes de esquerda nas súas capitais.

 

As convocatorias no DOG inclúen barreiras que na práctica exclúen case todos os dixitais críticos, que son os medios en galego máis populares. Por exemplo, a convocatoria para empresas xornalísticas fixa que cómpre ter cinco traballadoras e traballadores, cifra inalcanzábel para case toda a prensa dixital en galego, que é de recente creación.

 

Ademais, esta convocatoria explota a lingua como escusa, pois para ser beneficiario chega con demostrar que se usa o galego nunha pequena porcentaxe das informacións e que se respectan as citas das persoas galegofalantes. Ao dar moito máis peso á difusión que ao grao de uso do idioma propio, o resultado é que, por exemplo, La Voz recibe 737 veces máis diñeiro que Sermos Galiza, o único medio 100% en galego que se pode presentar a esta convocatoria ao superar a citada barreira das cinco traballadoras e traballadores. Así, periódicos que barren o galego cara ás páxinas de opinión e, con sorte, de cultura acaparan a práctica totalidade do diñeiro.

 

Logo está a pequena convocatoria de axudas para medios 100% en galego, que reparte só 197.000 euros, máis de oito veces menos que a convocatoria para medios bilingües. Ademais, exclúe todos os dixitais. Só se poden presentar publicacións en papel. Así, por exemplo, nin sermosgaliza.gal nin praza.gal nin os numerosos pequenos dixitais locais e comarcais poden aspirar a cobralas. Sermos Galiza recibe 30.000 euros por editar un semanario en papel de 50 números ao ano, o medio impreso en galego máis lido e con máis números no país. O resto vai na súa práctica totalidade para medios gratuítos, locais ou comarcais, de escasa difusión, encabezando a listaxe a ourensá Letras a la Carta con tres cabeceiras.

 

Son de novo faragullas, pero dabondo, iso si, para demostrar que a Xunta non exclúe por completo a prensa en galego. Hai unha parte que si está excluída de todo. As convocatorias esixen usar a norma da Real Academia Galega. Na práctica isto serve para deixar fóra cabeceiras en reintegrado, que usan a norma AGAL, como o Novas da Galiza e que tamén adoitan ser críticas co PP.

 

Os máis beneficiados son os editores de xornais en papel e en español, aliados do PP a nivel galego

 

Esta análise debulla cifras referidas a 2017 pero o sucedido o ano pasado non é nada excepcional. Pasa todos os anos e pasa máis cando hai eleccións galegas. Pasaba con Fraga, pasou co bipartito e pasa con Feixóo. Pasa na Xunta, pero pasa tamén nos concellos e nas deputacións.

 

Pasa tamén en Madrid. Aínda que o Estado non anda repartindo a dedo convenios entre os medios, mantén a súa propia rede caciquil, por exemplo a través das subvencións que reparte coa escusa de informar as persoas emigrantes, alimentando así cabeceiras dos grupos de La Voz e La Región.

 

A dependencia da prensa co respecto ao poder é un dos aspectos máis podres da democracia española e da autonomía galega. Por riba, é un tema do que a cidadanía non sabe case nada. As políticas e políticos e os grandes empresarios da comunicación manteñen á mantenta a súa simbiose a escuras.

 

Moitos dos medios máis pequenos non teñen recursos dabondo para contar esta relación cun mínimo de rigor ou teñen medo ou conténtase coas faragullas. Politicamente, é un tema que non lle interesa mover moito á oposición, consciente de que os seus fan algo similar a outro nivel.

 

Na prensa, como en calquera outro negocio, quen paga manda. Todos, tamén os xornalistas, temos un prezo. E quen paga máis en Galiza é a Xunta.

 

A quen queira informarse lendo un xornal libre de influencia do poder político non lle queda outra que investir elas e eles mesmos para tratar de garantir que o periódico non dependa de ningunha teta pública.

 

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/quen-paga-manda/20181115142340000840.html


© 2018 Sermos O Diario Galego

 

www.sermosodiariogalego.gal