Imprimir

Sarria, Pontevedra e Boiro queren un diario galego

Redacción | 25 de Novembro de 2018

Imaxe de presentación no concello das Neves.
Imaxe de presentación no concello das Neves.

Continuamos coas últimas presentacións do proxecto para o lanzamento de Sermos O Diario Galego. Esta semana recalamos en Sarria, Pontevedra e Boiro.

Seguimos a percorrer Galiza co proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego. Após visitarmos medio cento de puntos da xeografía até xullo, continuamos o periplo para socializarmos a iniciativa co fin de sumar as 3.000 subscricións até o 31 de decembro que fagan realidade o diario.

 

Sarria, Pontevedra e Boiro son os lugares que acollerán os derradeiros actos de presentación. Recalaremos en Sarria, convidadas e convidados pola Fruga, a segunda feira, día 26, onde a partir das 20 horas no local da Asociación Recreativa A Unión, Elías Somoza, coordinador da Fruga en Lugo; María Casar, presidenta da Asociación Cultural Ergueitos, e Manuel Da Cal, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza, darán a coñecer as características do proxecto.

 

A terza feira, día 27, da man da Asociación Cultural Maio Longo, terá lugar o acto de presentación do diario en Pontevedra. Será ás 20.30 horas na Casa da Luz (Praza da Verdura) e contará coas intervencións de Xosé Abilleira, presidente da entidade convocante; Kiko Da Silva, debuxante e promotor do diario; María Obelleiro, directora do semanario Sermos Galiza, e Marga Romero Do Val, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza.

 

A quinta feira, día 29, visitaremos Boiro a iniciativa do Espazo Lector Nobel (rúa Manuel María, 10), onde se desenvolverá a presentación a partir das 20 horas. Tomarán a palabra Rosa Tubío, libreira; Xosé Deira, profesor de Filosofía e activista social, e Manuel Da Cal, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A.

 

A través destas citas, impulsadas por asociacións do ámbito cultural, social, veciñal e lingüístico, poñemos en coñecemento das galegas e galegos o proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego. Trátase de actos en que resolvemos dúbidas e recollemos propostas co fin de facer da iniciativa unha realidade en 2019. Para logralo, seguiremos sumando apoios até o 31 de decembro. Axúdasnos a conseguir os 3.000?

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/sarria-pontevedra-boiro-queren-diario-galego/20181125123731000844.html


© 2018 Sermos O Diario Galego

 

www.sermosodiariogalego.gal